10 de maio de 2014

Estudantes de lenda

Noticia recollida do Faro de Vigo o 02/05/14:
 Dúas alumnas do instituto Pintor Colmeiro presentan o último libro de Rosa Aneiros en Santiago e outra forma parte do tribunal do premio Xerais de literatura xuvenil 
Quen sementa recolle. Nos últimos anos, o departamento de Lingua e Literatura Galega do instituto Pintor Colmeiro, de Silleda, realiza un labor de fomento da lectura baseado no coñecemento directo dos autores e no uso das ferramentas sociais para intercambiar reflexións sobre os contidos. Os resultados xa se deixan ver: tres alumnas participan na presentación das últimas creacións literarias de Rosa Aneiros e de Carlos Negro.

 Ó longo deste curso, o instituto Pintor Colmeiro, de Silleda, recibiu a numerosos escritores en lingua galega para que partillasen sobre os seus libros cos estudantes do centro e, de paso, bautizasen co seu nome algunha das aulas do edificio. Isto permítelles ós mozos "descubrir que os autores son divertidos e que non viven no seu mundo. Así temos outra perspectiva deles", apunta Alba Moreira, unha alumna de primeiro de Bacharelato que, xunto a Denise Varela e a profesora Gracia Santorum, presentou o segundo volume da triloxía Ámote Leo A, da escritora Rosa Aneiros, en Santiago.
 Era a primeira vez que as dúas alumnas acudían á Feira do Libro de Compostela, pero xa coñeceran a Aneiros a comezos de abril, cando a autora e xornalista ferrolá visitou o instituto silledense.
 Por el tamén pasaron durante este curso Suso de Toro, Miguel Alonso Diz, Raúl Gómez Pato ou o catalán Joan Manuel Gisbert. Pese a este contacto cara a cara cos autores dos libros obrigatorios no curso, ningunha das dúas mozas quere ser escritora: Denise quizais estude Enfermería, e Alba tén en mente matricularse en Psicoloxía. "Vivir da escritura é moi complicado. A propia Rosa Aneiros contábanos que ela tén a súa profesión como xornalista. En realidade, é unha profesión de gusto", explica Alba.
 Pero non só de narrativa viven os adolescentes. Gracia Santorum recoméndalles ler poemarios como Moda galega reloaded, de María Reimóndez -e no que aparece recollida unha crítica dunha ex alumna de Santorum- ou Penúltimas tendencias, de Carlos Negro. Os dous axudan "a que a mocidade reflexione sobre os estereotipos", explica a profesora. - aquí é onde entra en xogo Mariña Castro, que estuda terceiro da ESO e que forma parte do xurado do premio Jules Verne, que convoca Xerais para a literatura xuvenil. A crítica que fixo Castro sobre este poemario gustou tanto a Agustín Fernández Paz e a Negro que a propuxeron como parte do tribunal, "o que para min é coma un regalo", confesa esta moza que, nun obradoiro de excelencia que impartiu Negro no instituto, "Mariña foi a única que se deu conta de que un poema en francés de Chus Pato era, en realidade, unha crítica contra o consumismo" de perfumes caros. A traxectoria de Mariña xa tén outros recoñecementos fóra das aulas: quedou o ano pasado en segundo posto no premio Coca-Cola de relato. O 8 deste mes participa na presentación de Penúltimas tendencias, de Carlos Negro, en Lalín.

Ningún comentario:

Publicar un comentario