22 de jun de 2013

Paisaxe lingüística. Graffitis


Durante este traballo comprobamos que as pintadas e os graffitis non son significativos cando se trata de establecer a lingua predominante nos sinais visibles nos espazos públicos de Silleda. De todas formas, recollimos algúns e elaboramos este vídeo que nos quedou moi aparente. Tamén, como conclusión, fíxosenos evidente o emprego masivo do castelán en todo tipo de rotulación e anuncios comerciais. Se isto, ademais non se acompaña, como acabamos de ver, dunha aposta normalizadora clara das administracións, temos o campo preparado para a substitución lingüística. O galego está ameazado pola lingua dominante, que ademais ten todas as ventaxas lexislativas. Pensamos que debemos promover e colaborar cos empresarios e comerciantes de Silleda para trasladarlles esta realidade e a importancia fundamental da súa colaboración para a visibilización da lingua galega.
Con este traballo certificamos que o estado social da lingua galega no concello non é bo. Un síntoma é a súa paixase lingüística. Isto lévanos a pensar que os prexuízos cos que se carga ao uso do galego están profundamente enraizados no noso entorno máis próximo, pero decatármonos desta evidencia é tamén o primeiro paso para establecer un proxecto de futuro para a normalización. Para o pasado deixamos os prexuízos e os modos de proceder antigos e irreflexivos respecto do uso da lingua galega.

Nenhum comentário:

Postar um comentário