19 de jun de 2013

A paisaxe lingüística. Bases para a normalización do entorno

Onte, 18/06/2013, presentámos públicamente o resumo e as conclusión do traballo realizado polo alumnado de 4ºA para o ENDL sobre a paisaxe lingüística de Silleda á alcaldesa Paula Fernández e á presidenta da asociación de comerciantes e empresarios ECOS, Fátima Costoya. As dúas mostraron o seu interese polo tema e ofreceron colaboración e incluso propostas para avanzar na normalización.
No traballo explicamos en que consiste a paisaxe lingüística: investigar  a presenza escrita das distintas linguas nos espazos públicos. Nos vindeiros días publicaremos neste blogue varios vídeos relativos ao tema.
Os pasos que seguimos foron:

  • Redactar un documento de traballo que nos servira para planificar o que tiñamos que realizar. Partimos dun artigo do profesor da Universidade de Vigo Miguel López Docampo, publicado no nº 33 dos Cadernos de lingua da RAG . Na medida do posible seguimos a metodoloxía alí indicada. Por exemplo, cada sinal considérase individualmente, aínda que haxa varios que pertenzan ao mesmo comercio. Nese documento establecimos tres grupos principais en que clasificar os soportes da escrita nos espazos públicos: aqueles que son responsabilidade das administracións, os pertencentes aos comercios ou particulares, e un último apartado no que se pretendían recoller as as pintadas e os graffitis.
  •  O seguinte paso consistiu en percorrer varias rúas céntricas de Silleda sacando fotos . Fixémolo pola Avenida do Parque, a Rúa María Colmeiro, a Rúa Venezuela , a Rúa do Progreso e a Rúa H en dúas xornadas do mes de febreiro do 2013.
  •  Establecimos varios grupos de traballo, repartindo entre eles as fotos recollidas. Realizamos un primeiro paso de depuración das fotos, eliminando algunhas ben por estaren repetidas, ben porque finalmente decidimos que non nos interesaban. Quedámonos así con 768 fotos. 
  • Mediante un documento colgado na nube de Google Drive ao que tiñan acceso todos os colaboradores, etiquetáronse todas as fotos principalmente en dous campos. O primeiro deles facía referencia ao tipo de soporte que contiña a mensaxe fotografiada e o segundo á lingua ou as linguas nas que viña redactada.
  •  Finalmente realizamos un traballo de reconto dos datos obtidos e elaboramos este informe no que se dá conta deles. Para acompañar este informe tamén se realizaron varios vídeos con parte das fotos recollidas.

2 comentários: