19 de xuño de 2013

O gato con botas (versión acomodada)

Antonio Reigosa estivo connosco hai algunhas semanas para inaugurar unha aula co seu nome. Daquela trouxéranos un conto, unha súa versión do clásico Un gato con botas. Xenerosamente ante unha petición, mandounos o texto que queremos compartir aquí:


O gato con botas (versión acomodada) por Antonio Reigosa O gato con botas retrata con requintada retranca a hipocresía da sociedade francesa dos tempos de Perrault, daqueles anos de finais do século XVII, como antes o fixera, entre os séculos XII-XIII, os autores do Roman de Renart. Unha crítica, ao meu entender, aplicable tamén á nosa sociedade actual. Lembrade que o conto fala dun muiñeiro que só ten para deixar por herdanza aos seus tres fillos, un muíño, un asno e un gato. E vai ser o irmán máis novo o que reciba o ben que en aparencia ten menos valor: o gato. Resulta que o gato non é un gato convencional. O gato resulta ser un fenomenal estratega, capaz de deseñar e liderar as tramas máis insospeitadas. O pobre mozo, outra non lle quedaba, decide atender as condicións que lle impón o gato, que non son moitas pois só pide unhas botas para calzar e un bolso para recoller o que vaia pillando grazas as súas mañas. O gato pide ser recibido polo rei para facerlle ver que o seu amo, a quen el chama para darlle importancia, Marqués de Carabás, é un gran señor que lle envía regalos, tal que perdices ou coellos (ou patrocinios e posibilidades de negocio, que para o caso viría sendo o mesmo). O gato, para entender mellor o seu oficio en léxico actual, practica o chamado cohecho activo, mentres que o rei do conto, aceptando os regalos, practica o chamado cohecho impropio. (E convén saber tamén, para entender mellor o conto, que no século XVII chamaban carabás a uns coches de cabalos, pechados coma gaiolas, con capacidade para vinte persoas, e que usaban os que querían aparentar pertenza á nobleza cando viaxaban de Paris a Versalles). Volvemos ao conto. Cando o rei parece convencido de que o tal Marqués de Carabás non só existe, senón que é un gran señor, rico e poderoso, o gato con botas refina a estratexia e fai que o rei e o suposto Marqués de Carabás coincidan nunha cacería en Botsuana (digo, perdón, nun paseo pola beira do río). O falso marqués, por consello do líder da trama, o Gato con Botas, ten que simular que afoga no río (aínda que este encontro podería ter lugar tamén nunha estación de Servizo de Guitiriz, pero Perrault escolleu unha paisaxe máis bucólica) e xusto cando o rei pasa por alí na compaña da súa filla, o falso marqués pide auxilio, e o rei, ao saber polo gato de quen se trata, manda que lle axuden e que o salven. Aquí é cando coinciden as miradas do falso marqués e da princesiña. Como poden supoñer, houbo amor a primeira vista, aínda que aclaro que nos contos, e tamén máis veces das que se pensa na vida real, a princesiña representa un bocado gorentoso para abrandar as vontades do macho da especie. Por exemplo, se lle queremos facer caso a unha lenda moi actual, podemos dicir que a princesiña fai o papel da coca-cola, tan poderosa que pode desenferruxar un parafuso, modesto utensilio que no conto interpreta o falso marqués. O resto do conto, como moi ben saben, vai caendo polo propio peso. Ao gato xa só lle quedan por dobregar, ou sexa, por coaccionar, uns cantos individuos para que simulen que son empregados do falso marqués de Carabás, para que mintan no seu favor. E para rematar queda un gran engano que se parece un mundo a unha noticia dun meses atrás. O gato con botas reta a un ogro a que se transforme en diversos animais para ao final pedirlle que se transforme en Rato. E Rato, o que antes fora un ogro das finanzas mundiais, cae na trampa e acaba morrendo devorado polo gato. O gato apropiase das torres do ogro (chamdas Torres de Bankia) e das súas posesións, sen distinguir nin separar os activos tóxicos dos purificados. Aquel rapaz, aquel mozo muiñeiro (que podería ter sido tamén xogador de balonmán) era agora un señor rico e poderoso. Hai outro momento no conto, no que se pronuncia unha frase memorable que se parece moito a unha historia real que todos coñecemos. Nun momento dado dille o rei ao duque de Palma(digo, ao falso marqués de Carabás): —Meu querido marqués de Carabás; se non chegas a ser o meu xenro será porque non queres! E o falso marqués e a princesiña casaron, e comeron perdices, e viviron felices ata moito máis adiante que foi cando sucedeu a segunda parte deste conto, que non llela conto, primeiro porque vostedes xa a coñecen, e segundo, porque tampouco llela podería revelar aquí en público pois está baixo segredo de sumario. O que si é certo é que o falso Marqués de Carabás quedou coma un Campeón. E o rei tamén, aínda que pediu perdón e dixo que non volvería a suceder. Pero …

Ningún comentario:

Publicar un comentario