por Salomé Soutelo, no Faro de Vigo:
Traballo de campo, e nunca mellor dito. O Equipo de Dinamización Lingüística, os docentes do Departamento de Lingua Galega e os 250 alumnos de Secundaria e Bacharelato do instituto Pintor Colmeiro desenvolven neste curso a recollida da microtoponimia do municipio, despois de gañar o IX Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, que convoca Fundación do mesmo nome e o Museo do Pobo Galego. En internet xa poden verse os primeiros resultados.
O abandono da actividade agrogandeira e o rebautizo que fai Catastro das fincas identificándoas só cun número de polígono e de parcela pón en risco de extinciónunha longa tradición oral na que leiras, ríos, montes e camiños axudaban a identificar qué cultivo era mellor para cada zona, se nese entorno había restos arqueolóxicos ou, incluso, a quén pertencera noutro tempo unha propiedade. Pero Silleda xa tén unha arma contra esta posible desaparición: os alumnos do instituto Pintor Colmeiro. O centro gañou en xuño o IX Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, dotado con 7.000 euros e que permitirá recompliar as lendas e a microtoponimia do concello trasdezán. Desde setembro, os 250 alumnos de Secundaria e Bacharelato consúltanlle ós seus pais, ós avós, ós veciños maiores...todas aquelas cuestións que poidan refererirse ós enclaves naturais do municipio e que formen parte da tradición oral de Silleda. Toda a información que se recolle vólcase na aplicacións Maps de Google, para que os veciños ou os visitantes poida coñecer, polo seu nome, calquera lugar de Silleda. En case dous meses, xa se asentaron medio milleiro de topónimos, e algúns deles incluso están acompañados de fotografías.
É un traballo de recollida da tradición oral, de memoria viva. E qué menos que inmortalizar ás persoas que aínda lembran cómo se denominaba unha ponte, un prado ou o fondo da aldea fai 50 anos. Por iso, os alumnos do Pintor Colmeiro tamén teñen a posibilidade de grabar en vídeo os veciños e familiares que relaten aquelas lendas máis destacadas, e que desta maneira van perdurar na seguinte xeración, si, pero que tamén se van difundir e conservar dun xeito máis seguro. A última fase deste intenso traballo que coordina o Equipo de Dinamización Lingüística será publicar -en papel e en formato dixital- todo o traballo realizado. No caso da edición dixital, a documentación incorporará un código QR que permite acceder ó mapa toponímico e os mencionados vídeos.
Toda a evolución desta iniciativa pode verse no blog As Ferreiras. Pero o instituto quere involucrar a toda a veciñanza neste proxecto, de maneira que pide a axuda das asociacións culturais de Silleda e tamén dos particulares. Polo de agora, o experto en toponimia Gonzalo Navaza (veciño, ademais, de Lalín), colaborará na corrección da toponimia maior e impartirá unha charla no IES. O arqueólogo silledense Israel Picón encargarase de facilitar os nomes dos xacementos arqueolóxicos, mentres que o docente e investigador, tamén trasdezao, Matías Rodríguez da Torre, fará unha pequena introducción histórica destas terras que volven recuperar o nome que levaron durante séculos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario