Os antigos contan grandes historias sobre o pobo. Algunhas son sacadas da súa propia imaxinación, pero as máis delas son feitas da realidade. A historia máis coñecida é a do Neno da Lúa.
Contouma a min o meu avó no seu momento. Temo que se perda xa que os anos dos Antigos están a se esgotar e por iso a redacto, tal e coma meu avó ma contou:
“Froito do amor entre Eleanor e Cenis, veu á vida un fermoso neno. Un neno coa pel branca, moi branca, case tanto como a neve, e con meixelas vermellas, moi vermellas, case tanto como o sangue. De cabelo escuro, como o da nai, e ollos claros, como os do pai. Ese neno levou o nome de Marfil.
Quixo a mala sorte que Eleanor morrese durante o parto e Cenis tivo que coidar o meniño só. El contáballe historias sobre Eleanor. Dicíalle a Marfil que a Lúa era en verdade o ollo da súa nai. Cando estaba chea, súa nai estaba vixiándoo; cando estaba crecente ou minguante, súa nai estaba rindo; e cando non había lúa, súa nai durmía.
A pesares de que nunca a coñecese, Marfil sentían un profundo agarimo por ela. Algo que ninguén sabía explicar. O neno falaba coa lúa pero ela nunca lle contestaba, só ría, vixiaba e durmía. Marfil choraba. Pedíalle ao seu pai que fosen ver a Eleanor, pero este dicíalle que nunca debía tentalo ou se non quedaría atrapado no ceo. E Marfil choraba aínda máis.
Os nenos da aldea ríanse del porque cría as historias de Cenis e porque falaba coa lúa. Pero el non lles facía caso. Marfil recollía flores vermellas para a súa lúa.
Un día, o neno decidiu ir á casa da meiga Estrela e pediulle que fixese algo por el. O que ela quixese. Estrela, sabedora da súa situación, deulle catro sementes alongadas e esbrancuxadas. Díxolle que as colocara no chan da súa casa, que durmira unha noite, e que ao día seguinte ás catro da tarde, se sentase no sofá e se agarrase ben. Tamén lle dixo que se acordase dela, pasase o que pasase.
Marfil así o fixo. Faltaban dous minutos para as catro cando sentou no sofá, agarrándose e agardando. Dous minutos despois, a casa comezou a tremer e a elevarse lentamente do chan. Ía gañando altura, pouco a pouco, sen présa.
Todos saíron ó camiño para velo, incluído Cenis, que fora á escola na que daba clase. Os vellos sinalabas. Os nenos que antes se riran de Marfil, berraban e corrían, xa que querían montar na casiña voadora.
O neno, no sofá, agardou e agardou, e ao final, a casa parou de se elevar. Mirou pola ventá e veu que estaba na lúa. Saíu fora e camiñou sobre ela, moito tempo, ata que cansou. Despois chorou de alegría e todas as bágoas que lle caeron transformáronse en pingas brillantes esparexidas por todo o universo. Marfil chamoulles Estrelas.
Así o neno viviu durante toda a eternidade feliz, xunto á súa nai. Agora os dous falaban e o neno ría. O neno de pel branca como a lúa e de meixelas vermellas como as flores. O neno de cabelo escuro, como o da nai e ollos claros, como os do pai. O neno chamado Marfil.
Ana Colmeiro Corral (4ºA)
Ningún comentario:
Publicar un comentario