Blogue do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Pintor Colmeiro (Silleda)
4 de out. de 2013
A aldea de Balbino
Xa comentamos nunha entrada anterior que o alumnado de 4º da ESO acudiu o 3/10/2013 á inauguración da exposición Querido Balbino na Casa da Cultura da Bandeira. No acto o profesor do IES Pintor Colmeiro, X. C. García Porral quixo facer estas reflexións sociolóxicas sobre a obra de Neira Vilas. Deixámola aquí para compartila con todo a comunidade educativa:
Cando Balbino se refire á aldea, empézaa presentando como unha mestura de lama e fume, onde os cás oubean e a xente morre cando está de Deus. Nesta aldea, os seus veciños eran propietarios dunhas construcións básicas: unha casa na que vivir e que se compartía co gando, e un pallal, un hórreo e um alpendre no que gardar as ferramentas, o carro e outros apeiros da labranza, así como a leña e o froito das colleitas realizadas ao longo do ciclo agrícola. Estas casas tamén se caracterizaban por posuír un salido e unha horta na que cultivar legumes e hortalizas destinados tanto ao consumo doméstico como animal. Por outra parte, toda a veciñanza compartía un muíño no que moer o gran para alimentar os animais e facer o pan, e un regueiro, un río ou unha presa no que fregar a roupa cando estaba sucia.
En canto á roupa, esta non soía ser do mellor. O mesmo Balbino fai referencia a que no verán andaba descalzo, reservando os zocos para o inverno, previo untado con graxa de porco. Nos pantalóns eran frecuentes os remendos, así como era habitual ter un traxe e uns zapatos novos (aínda que estes tivesen certo tempo) cos que lucir os domingos e os días de festa e situarse preto dos «ricos» (Manolito), que acostumaban non só a poñer zapatos novos e traxes bos, senón tamén a levar consigo um reloxo. Os ricos tamén se distinguían pola súa alimentación. Mentres estes gozaban do pantrigo e de leite con café, aos menos avantaxados só lles quedaba o pan de boroa e o caldo. Isso si, ambas clases sociais tiñan acceso ao viño, aínda que aqueles con máis frecuencia ca estes.
Pero no vestir e no comer non só era onde se apreciaban estas diferenzas sociais. A realización dos traballos e das tarefas agropecuarias, base do sistema económico do mundo rural, trazaba a liña divisoria entre ricos e pobres, entre «amos» e «caseiros», entre propietarios e servos. A familia de Balbino levaba ás costas o cualificativo de «caseiros», algo que os facía ser mais pobres ca os pobres por ter que aturar aos amos, ademais de entregarlles a estes a metade de cada colleita. Unha das saídas a esta situación ía ser a emigración: unha maleta de madeira feita por un carpinteiro, unha viaxe en barco desde os peiraos de Vigo ou da Coruña, e unhas cartas cargadas de morriña desde o outro lado do Atlántico, converteríanse nos selos de identidade dunha «raza» de xente sufridora e inconformista que loitou por mellorar a súa situación e a das súas familias. Os traballos agropecuarios concatenábanse ao longo do ano segundo a estación e o froito que houbese que sementar ou recoller. O carrexo de esterco no carro, a gradadura das terras para o sementado do millo e das patacas, a rendadura destas para quitarlle as herbas, o ter que levantarse cedo (ás tres da mañá) para ir xuntar os mollos, eran tarefas que tiñan o seu momento oportuno ao longo do ano e sempre tendo en conta o ciclo lunar. Por exemplo, durante o crecente non se podían matar os porcos xa que logo a carne criaría bichos, mentres que polo minguante non só se podía realizar a matanza senón que tamén era o tempo oportuno para botar a remolacha e poñer a horta e o cebolo, xa que deste xeito estes froitos non espigarían.
Mais había tarefas que eran de todos os días ou, cando menos, que gozaban de certa frecuencia: ir co gando para o monte despois de ter que erguerse cedo, tornar a auga coa sacha nos prados de rega, ter as ferramentas a punto como era o caso do cravuño da gadaña... E nestas tarefas cotiás os rapaces desenvolvían un importante papel, xa que normalmente eran os encargados de chamar o gando nas épocas de labra das terras. Este cometido imposto polos maiores da casa traía consigo o abandono escolar. Ante o traballo das terras, sobre todo se estaba bo día e non chovía, calquera outra actividade propia dos rapaces, coma ir a escola ou xogar, perdía a súa razón de ser. Con saber ler e escribir era dabondo. E algún, se era terra de bandas, podería aprender algo de música coa finalidade de gamar algún diñeiro. A outros rapaces non lles importaría faltar á escola, aínda que fose para traballar no agro. E é que daquela o dito de que «a letra con sangue entra» estaba tan presente que algún ata lataba sen ter unha causa «xustificada», como podería ser ter que axudar na casa.
Outra actividade propia dos rapaces era o xogo, tanto cando os seus proxenitores llelo permitían coma cando os desobedecían ou faltaban á escola. Xogos tradicionais como a panda, a estornela ou a pita cega, alternaban coa imaxinación propia do neno á hora de facer macacos coas carolas dos nabos, facer paxareiras, armar sedelas no río para pillar troitas ou lazos no monte para os coellos. Esta imaxinación que os rapaces depositaban á hora de procurar un entretemento, víase ilustrada pólos contos dos maiores ao pé do lume da lareira. As lendas, os contos de meigas, as anécdotas de tempos pasados... ían fixando nos nenos un mundo máxico entrelazado coa realidade na que lles tocaba vivir, de tal xeito que ás veces non se sabía onde remataba a realidade e onde empezaba o imaxinario. Outra fonte de entretemento, tanto para nenos coma para xente maior, eran as festas e as feiras. Nestas non podía faltar a ración de polbo, tanto se se vendía gando coma se se mercaba. Menos frecuentes eran as festas, pero non por iso menos desexadas. Cada parroquia posuía a súa ou súas festividades (a Virxe do Carme, o San Antón, o San Roque, o San Ramón...). O repenicar das campás e o ruído dos foguetes marcaban o lugar a onde un debía dirixirse se quería gozar dun día de troula e lecer. Os oficios litúrxicos nas igrexas e a música de banda e dos gaiteiros nos soutos e nas carballeiras, xunto coa luz de cores que propiciaban os faroliños, ambientaban o día ou días de festa nos que a aldea rachaba coa rutina diaria do labor agrícola e gandeiro. Os nenos, a correr tras das canas dos fogos; os mozos e os maiores, a gozar do baile no campo da festa. Estas eran as celebracións que marcaban e definían a identidade dunha determinada comunidade fronte aos pobos veciños. Pero por riba de todas elas estaban as festas tradicionais galegas: o canto dos reis, o Antroido e o San Xoán. Esta última ía cargada de maxia: as cacharelas alumaban a noite máis curta do ano entre o son das gaitas, o bater das pandeiretas, e os aturuxos da xente, empurrada por as xerras de viño e o baile arredor do lume escorrentador das meigas. Pero estes tempos de festa e divertimento alternaban com momentos de tristura, sendo a morte o feito que maior desconsolo e solidariedade producía entre a veciñanza. O velorio transcorria na casa do defunto. A cociña enchíase de xente da aldeã e doutras parroquias, e aos que se quedan pola noite había que darlles a cea. Non eran poucas as veces nas que esas noites de pésame e de rosarios se acababan convertendo en encontros idóneos para poñerse ao día nos contos e botar a partida ás cartas. A carreira das campás das igrexas facían pública unha morte. Unha morte que traería consigo o loito para os familiares do falecido e ter que quedarse na casa cando había festa na aldea ou en parroquias próximas. Os máis beneficiados, á parte dos que ceaban na casa do defunto, eran os curas. Estes comían queixo e pantrigo na sancristía, unha parva ofrecida póla familia do finado como agradecemento polas honras fúnebres. Á marxe desta función, os cregos velaban polo recto comportamento do pobo, así como pola instrución da catequese. Tamén había aqueles que se excedían da súa función preparando aos mozos e mozas en disciplinas seculares (matemáticas, lingua, historia...), ou que incluso compartían unha cunca de viño e botaban un conto cos homes da parroquia na taberna. Eran os máis «modernos». E todo cura precisaba dun sancristán. Este tina unhas funcións ben definidas, que ían desde tocar as campas ata atender os enterros e cabodanos, varrer, botar a auga na pía, acender e apagar as candeas, sacar a caixa das ánimas, coidar os santos... Neste ambiente rural, Balbino tiña inquedanzas. A aldea quedábaselle cativa. El, fillo de caseiros, máis pobres ca os propios pobres por ter que aturar aos amos, dábase conta de que a vida non era igual para todos.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario