23 de xuño de 2014

Inauguración do carballo de cerámica

Venres 20 de xuño. Último día de clase.
Moitos alumnos da ESO en colaboración co profesor de plástica, Bernardo, traballaron na elaboración das follas do carballo de cerámica. Fixéronas unha a unha, con todo o coidado e agarimo.
Por iniciativa da profe dos libros, Gracia Santórum, moitas das follas levan escrito o título de 50 obras da literatura galega contemporánea: Makinaria, ....
O acto de inauguración da obra foi tan sinxelo como bonito. O autor da obra, o artista silledense Antonio González Abal, explicou o que para todos os membros da comunidade educativa do Colmeiro é obvio; contounos que a árbore era unha recreación do símbolo do centro e proclamou a necesidade de que as nosas terras estiveran inzadas de carballos, e non de eucaliptos como o están na actualidade. Esta petición ten unha traslación inmediata á situación lingüística do galego, basta lembrar o artigo de Nel Vidal titulado 'Eucaliptos e plurilingüismo'.

De seguido varios alumnos, sobre todo alumnas, recitaron algúns poemas de Díaz Castro, o autor protagonista do 17 de maio deste ano.
Para finalizar o acto o alumnado de 1º de bacharelato regalounos unha batucada interpretada con material de refugallo.
Quedamos todos cunha fermosa impresión do último día lectivo do curso 13-14.












Ningún comentario:

Publicar un comentario