21 de abr. de 2013

Participación no Premio Leixaprén 2013

O Premio Leixaprén concedido pola coordinadora Galega de ENDL, é un galardón de recoñecemento á defensa e promoción da lingua galega; foi creado no ano 1999 a iniciativa do IES Poeta Añón de Outes e asumido pola Coordinadora Leixaprén de Equipos de Normalización Lingüística. A partir do curso 2011-2012, o premio pasa a ser organizado pola CGENDL, como unha actividade aberta á participación de todos os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de Ensino de Galicia, coa intención de lle dar continuidade ao obxectivo central co que naceu.
A Coordinadora solicita a participación dos ENDL para determinar a quen se lle concederá o premio cada ano. Como este ano o ámbito escollido para o premio Leixaprén é o do deporte, desde o Equipo de Normalización pedímos a colaboración do Ciclo de Actividades Físicas no Media Natural para que nos axudaran a escoller entre estes 4 deportistas:

Gustavo César Veloso (Vilagarcía de Arousa) Ciclista profesional. Comezou a súa carreira con innumerables vitorias como corredor afeccionado. Na súa etapa profesional, iniciado en 2001 pasou por diferentes equipos do Estado Español e Portugal, até que en 2007 ingresou no único equipo galego deste rango, o Karpin Galicia, despois Xacobeo Galicia. Nesta xeira, obtivo os seus mellores trunfos, vencendo na Volta a Catalunya 2008 e acadando a novena etapa da Volta a España 2009. Hoxe en día forma parte do equipo profesional Andalucía. Gustavo utiliza habitualmente a lingua galega, tanto nas súas manifestacións públicas e en medios de comunicación, como nas numerosas charlas e coloquios aos que é convidado, especialmente nos centros de ensino galegos ou asociacións e centros culturais.

 Javier Gómez Noya (Basilea, Suíza) Fillo de emigrantes galegos, criouse na cidade de Ferrol, onde reside, e adestra en Pontevedra, onde está o Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Triatleta de enorme prestixio mundial, é un dos maiores referentes do deporte galego na actualidade. Participou nos Xogos Olímpicos de Pekín e de Londres, en 2012, onde acadou a medalla de prata. Foi campión do Mundo en tres ocasións, as mesmas que foi tamén campión europeo. Pertence ao Club de Triatlón Cidade de Lugo Fluvial. Gómez Noya utiliza o galego habitualmente en medios de comunicación, charlas e manifestacións públicas, e ten defendido publicamente o valor e importancia do uso da nosa lingua.

 Pilar Neira Martínez (Londres, Inglaterra) Criouse na cidade da Coruña. Foi xogadora de balonmán e de fútbol. Comezou como futbolista en 1976 no histórico Karbo CF da Coruña, co que acadou tres campionatos de España. Tamén xogou no Marabillas e no Brigantium. A súa carreira como adestradora de fútbol desenvolveuna nos clubes Orzán e Imperator, e actualmente dirixe o clube Victoria. Foi designada adestradora de da selección galega de fútbol feminino, disputando dende aquela varios encontros internacionais. Firme defensora do deporte feminino, e presidenta e fundadora da Asociación de Mulleres Deportistas de Galicia. Criada nun ambiente social e familiar no que o galego estaba ausente, desenvolve actualmente toda a súa vida persoal e pública no noso idioma, sendo unha firme defensora do seu uso en todos os ámbitos.
 Vero Boquete (Santiago de Compostela) Considerada unha das mellores futbolistas do mundo na actualidade, comezou a súa traxectoria deportiva no Xuventú de Aguiño en 2001. Xogou posteriormente no Prainsa Zaragoza e no RCD Espanyol de Barcelona, onde comezou a acadar sona como dianteira. A partir de 2010 comeza o seu periplo mundial en clubes estadounidenses e rusos, e hoxe milita no equipo sueco, participante na Champions, Tyresö FF. Acadou diversos títulos estatais e internacionais e forma parte da selección española de fútbol. Tamén, desde 2007 é a abandeirada da selección galega de fútbol, sendo unha firme defesnsora da súa existencia. Verónica utiliza a lingua galega en manifestacións públicas, medios de comunicación, ou charlas divulgativas, en diferentes entidades do país.

Ningún comentario:

Publicar un comentario