Hai un ano publicábamos un informe sobre a situación da sinaléctica en Silleda. Unha das conclusións máis importantes era que, se ben por parte das administracións había un compromiso co uso do galego (case un 90% dos sinais recollidos viñan neste idioma), non sucedía o mesmo por parte dos establecementos comerciais, onde os niveis de uso do galego estaba na veciñanza do 20%. Ante esta situación elaboramos varias propostas de actuación. Unha delas consistía na posta en marcha dun premio que recoñecese o labor daqueles comercios que apostan polo uso do galego na súa actividade empresarial. Propuxémoslle a iniciativa ao Concello de Silleda, quen se puxo en contacto coa asociación local de comerciantes, ECOS, e como vedes foi moi ben recibida. O concurso xa está en marcha e ata o día 17 poden recibirse as notificación dos comercios que opten ao premio. Calquera empresa ou particular pode presentar unha ou varias candidaturas perante a Concellería de Normalización Lingüística, xa por escrito, xa enviando un correo electrónico, a info@silleda.es, indicando o asunto e especificando o nome do establecemento, nome da persoa responsable e teléfono de contacto. As bases da convocatoria poden consultarse nesta ligazón
A foto sacámola da noticia en La Voz de Galicia
A noticia no web do Concello de Silleda
Tamén dan conta da proposta no portal do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia onde non só recollen a noticia, senón que fan unha redacción propia que mostra que están moi enterados do que estamos a facer para contribuir á normalización da lingua en Silleda.
As bases do concurso:
Bases 1º PREMIO CONCELLO DE SILLEDA Á NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA NAS EMPRESAS E COMERCIOS by As Ferreiras Silleda
Así é como conta a noticia o Faro de Vigo:
Os comerciantes e empresarios silledenses están chamados a participar no 1º Premio Concello de Silleda á Normalización Lingüística nas Empresas e Comercios, que convoca a Administración local en colaboración con instituto Pintor Colmeiro, a asociación ECOS e a Secretaría Xeral de Política Lingüística coa intención de galardoar a aqueles establecementos que empreguen a lingua galega no seu trato, na cartelería, na facturación e na relación cos medios e a publicidade.