8 de out. de 2013

Cada vez hai mais asignaturas en Castelán

Cando comencei no instituto a maioría das asignaturas que había eran en galego, pero cada curso que pasaba poñían unha desas asignaturas escritas en galego, traducida ao castelán. Ata o dia de hoxe, que vou en 1º de Bacharelato, e a maioría das asignaturas que teño son en castelán.
Eu decidín falar sobre este tema porque é un tema que me incumbe xa que non é o mesmo estudar na túa lingua, a que falas día a día, coa que te relacionas cos teus compañeiros a estudar cunha lingua que apenas falas, que só falas en certas clase. Non resulta nada cómodo á hora de estudar nin á hora de plasmalo no exame,  por iso é inevitable que en certas ocasións na metade do exame te acabes pasando ao galego porque en certo modo ao ser a tua lingua falada, é na que mellor te expresas. Por iso creo que cada un debería facer os exames e contestalo na lingua que mais cómodo se sinta.Para estudar, falar e expresarnos en castelán xa temos a clase de Lingua Catelá. Deberían deixar de poñer os libros de texto de case todas as asignaturas en castelán, porque os que somos galegos non queremos que se perda a nosa lingua. Polo tanto cantas mais cousas vexamos en galego mellor para todos. 

Irene Míguez Caramés (1º Bach)

7 de out. de 2013

Sobre a reforma da lei do aborto

Con este artigo inauguramos un novo espazo para as colaboracións do alumnado. Se quixeras que che publiquemos no blogue calquera escrito, envíanolo. Xa sabes cal é o noso correo [silleda.asferreiras@gmail.com]


Arredor de 50.000 mulleres morren cada ano como consecuencia de abortos inseguros, e case cinco millóns sofren problemas de saúde graves, según datos da OMS. Mulleres de países subdesenvolvidos na súa maioría, pero o aborto inseguro, clandestino, tamén se dá en Europa, en países con leis moi restrictivas. Algunhas vense obrigadas a viaxar, se poden, para interromper o seu embarazo. Algo que, podería ocorrer tamén en España se se materializa a reforma da lei do aborto como adiantou o ministro de Xusticia, Alberto Ruiz-Gallardón. Centos de personas esixen ó Goberno que non modifique a actual normativa pero, ata onde chegaran as peticións destes demandantes? A nova reforma inqueda por igual, a uns e a outros. Ata que extremo está disposto a chegar Gallardón? "Fagan o que fagan, simplemente dar voltas a este tema supón un retroceso de 50 anos nos avances dos dereitos da muller”, recorda o doutor Diego Fernández, quen enumera os problemas que supondrían na sociedade facendo uso das estatísticas da Organización Mundial da Saúde que demostra que leis máis restrictivas non reducen os abortos, senón que aumentan a mortalidade feminina. Un auténtico retroceso ao pasado que leva como protagonista o ministro de xustiza apoiado, como non!, pola igrexa e a facción máis ultra do PP. Personaxes sempre vixentes nas nosas vidas que, ao parecer, non deixan de “atender” e “velar” polos deireitos da muller. Con poder ou sen el, NINGUÉN TEN DEREITO A OBRIGAR A SUFRIR.
 Paula Gamallo 2º BAC

Ollos de aula.9

Velaquí a primeira entrega deste curso da revista da Coordinadora Galega de ENDL para os pais: Ollos de aula. Desta volta a Coordinadora tamén nos envía novas entradas na súa outra revista, A letra miúda Este número, o 9 xa, chega con esta fermoso saúdo:
Regresamos porque somos partidarios/as da diversidade culturale lingüística, porque estamos a favor do dereito democrático doalumnado a recibir aulas en galego, sen pexas nin prexuízos, paraque o día de mañá as nosas fllas e fllos poidanexercer a escolla dun idioma tan útil comocalquera outro, porque na escola non llesensinamos a ignoralo.Regresamos para dicir en voz altaque seguimos orgullosas e orgullosos do noso, orgullosas eorgullosos do galego.E Ollos de aula contaconvosco para as medras.

4 de out. de 2013

A aldea de Balbino


Xa comentamos nunha entrada anterior que o alumnado de 4º da ESO acudiu o 3/10/2013 á inauguración da exposición Querido Balbino na Casa da Cultura da Bandeira. No acto o profesor do IES Pintor Colmeiro, X. C. García Porral quixo facer estas reflexións sociolóxicas sobre a obra de Neira Vilas. Deixámola aquí para compartila con todo a comunidade educativa:

Cando Balbino se refire á aldea, empézaa presentando como unha mestura de lama e fume, onde os cás oubean e a xente morre cando está de Deus. Nesta aldea, os seus veciños eran propietarios dunhas construcións básicas: unha casa na que vivir e que se compartía co gando, e un pallal, un hórreo e um alpendre no que gardar as ferramentas, o carro e outros apeiros da labranza, así como a leña e o froito das colleitas realizadas ao longo do ciclo agrícola. Estas casas tamén se caracterizaban por posuír un salido e unha horta na que cultivar legumes e hortalizas destinados tanto ao consumo doméstico como animal. Por outra parte, toda a veciñanza compartía un muíño no que moer o gran para alimentar os animais e facer o pan, e un regueiro, un río ou unha presa no que fregar a roupa cando estaba sucia.
 En canto á roupa, esta non soía ser do mellor. O mesmo Balbino fai referencia a que no verán andaba descalzo, reservando os zocos para o inverno, previo untado con graxa de porco. Nos pantalóns eran frecuentes os remendos, así como era habitual ter un traxe e uns zapatos novos (aínda que estes tivesen certo tempo) cos que lucir os domingos e os días de festa e situarse preto dos «ricos» (Manolito), que acostumaban non só a poñer zapatos novos e traxes bos, senón tamén a levar consigo um reloxo. Os ricos tamén se distinguían pola súa alimentación. Mentres estes gozaban do pantrigo e de leite con café, aos menos avantaxados só lles quedaba o pan de boroa e o caldo. Isso si, ambas clases sociais tiñan acceso ao viño, aínda que aqueles con máis frecuencia ca estes.
 Pero no vestir e no comer non só era onde se apreciaban estas diferenzas sociais. A realización dos traballos e das tarefas agropecuarias, base do sistema económico do mundo rural, trazaba a liña divisoria entre ricos e pobres, entre «amos» e «caseiros», entre propietarios e servos. A familia de Balbino levaba ás costas o cualificativo de «caseiros», algo que os facía ser mais pobres ca os pobres por ter que aturar aos amos, ademais de entregarlles a estes a metade de cada colleita. Unha das saídas a esta situación ía ser a emigración: unha maleta de madeira feita por un carpinteiro, unha viaxe en barco desde os peiraos de Vigo ou da Coruña, e unhas cartas cargadas de morriña desde o outro lado do Atlántico, converteríanse nos selos de identidade dunha «raza» de xente sufridora e inconformista que loitou por mellorar a súa situación e a das súas familias. Os traballos agropecuarios concatenábanse ao longo do ano segundo a estación e o froito que houbese que sementar ou recoller. O carrexo de esterco no carro, a gradadura das terras para o sementado do millo e das patacas, a rendadura destas para quitarlle as herbas, o ter que levantarse cedo (ás tres da mañá) para ir xuntar os mollos, eran tarefas que tiñan o seu momento oportuno ao longo do ano e sempre tendo en conta o ciclo lunar. Por exemplo, durante o crecente non se podían matar os porcos xa que logo a carne criaría bichos, mentres que polo minguante non só se podía realizar a matanza senón que tamén era o tempo oportuno para botar a remolacha e poñer a horta e o cebolo, xa que deste xeito estes froitos non espigarían.
 Mais había tarefas que eran de todos os días ou, cando menos, que gozaban de certa frecuencia: ir co gando para o monte despois de ter que erguerse cedo, tornar a auga coa sacha nos prados de rega, ter as ferramentas a punto como era o caso do cravuño da gadaña... E nestas tarefas cotiás os rapaces desenvolvían un importante papel, xa que normalmente eran os encargados de chamar o gando nas épocas de labra das terras. Este cometido imposto polos maiores da casa traía consigo o abandono escolar. Ante o traballo das terras, sobre todo se estaba bo día e non chovía, calquera outra actividade propia dos rapaces, coma ir a escola ou xogar, perdía a súa razón de ser. Con saber ler e escribir era dabondo. E algún, se era terra de bandas, podería aprender algo de música coa finalidade de gamar algún diñeiro. A outros rapaces non lles importaría faltar á escola, aínda que fose para traballar no agro. E é que daquela o dito de que «a letra con sangue entra» estaba tan presente que algún ata lataba sen ter unha causa «xustificada», como podería ser ter que axudar na casa. 
Outra actividade propia dos rapaces era o xogo, tanto cando os seus proxenitores llelo permitían coma cando os desobedecían ou faltaban á escola. Xogos tradicionais como a panda, a estornela ou a pita cega, alternaban coa imaxinación propia do neno á hora de facer macacos coas carolas dos nabos, facer paxareiras, armar sedelas no río para pillar troitas ou lazos no monte para os coellos. Esta imaxinación que os rapaces depositaban á hora de procurar un entretemento, víase ilustrada pólos contos dos maiores ao pé do lume da lareira. As lendas, os contos de meigas, as anécdotas de tempos pasados... ían fixando nos nenos un mundo máxico entrelazado coa realidade na que lles tocaba vivir, de tal xeito que ás veces non se sabía onde remataba a realidade e onde empezaba o imaxinario. Outra fonte de entretemento, tanto para nenos coma para xente maior, eran as festas e as feiras. Nestas non podía faltar a ración de polbo, tanto se se vendía gando coma se se mercaba. Menos frecuentes eran as festas, pero non por iso menos desexadas. Cada parroquia posuía a súa ou súas festividades (a Virxe do Carme, o San Antón, o San Roque, o San Ramón...). O repenicar das campás e o ruído dos foguetes marcaban o lugar a onde un debía dirixirse se quería gozar dun día de troula e lecer. Os oficios litúrxicos nas igrexas e a música de banda e dos gaiteiros nos soutos e nas carballeiras, xunto coa luz de cores que propiciaban os faroliños, ambientaban o día ou días de festa nos que a aldea rachaba coa rutina diaria do labor agrícola e gandeiro. Os nenos, a correr tras das canas dos fogos; os mozos e os maiores, a gozar do baile no campo da festa. Estas eran as celebracións que marcaban e definían a identidade dunha determinada comunidade fronte aos pobos veciños. Pero por riba de todas elas estaban as festas tradicionais galegas: o canto dos reis, o Antroido e o San Xoán. Esta última ía cargada de maxia: as cacharelas alumaban a noite máis curta do ano entre o son das gaitas, o bater das pandeiretas, e os aturuxos da xente, empurrada por as xerras de viño e o baile arredor do lume escorrentador das meigas. Pero estes tempos de festa e divertimento alternaban com momentos de tristura, sendo a morte o feito que maior desconsolo e solidariedade producía entre a veciñanza. O velorio transcorria na casa do defunto. A cociña enchíase de xente da aldeã e doutras parroquias, e aos que se quedan pola noite había que darlles a cea. Non eran poucas as veces nas que esas noites de pésame e de rosarios se acababan convertendo en encontros idóneos para poñerse ao día nos contos e botar a partida ás cartas. A carreira das campás das igrexas facían pública unha morte. Unha morte que traería consigo o loito para os familiares do falecido e ter que quedarse na casa cando había festa na aldea ou en parroquias próximas. Os máis beneficiados, á parte dos que ceaban na casa do defunto, eran os curas. Estes comían queixo e pantrigo na sancristía, unha parva ofrecida póla familia do finado como agradecemento polas honras fúnebres. Á marxe desta función, os cregos velaban polo recto comportamento do pobo, así como pola instrución da catequese. Tamén había aqueles que se excedían da súa función preparando aos mozos e mozas en disciplinas seculares (matemáticas, lingua, historia...), ou que incluso compartían unha cunca de viño e botaban un conto cos homes da parroquia na taberna. Eran os máis «modernos». E todo cura precisaba dun sancristán. Este tina unhas funcións ben definidas, que ían desde tocar as campas ata atender os enterros e cabodanos, varrer, botar a auga na pía, acender e apagar as candeas, sacar a caixa das ánimas, coidar os santos... Neste ambiente rural, Balbino tiña inquedanzas. A aldea quedábaselle cativa. El, fillo de caseiros, máis pobres ca os propios pobres por ter que aturar aos amos, dábase conta de que a vida non era igual para todos.

3 de out. de 2013

Querido Balbino na Bandeira

Hoxe realizamos a nosa primeira actividade do Equipo de Normalización. Acudimos á presentación da exposición 'Querido Balbino' na Bandeira grazas á colaboración co Concello que aportou o transporte do alumnado ata a Casa da Cultura da Bandeira.
Esta exposición chega por fin onda nós, despois de que se inaugruara en abril do 2011, ano da conmemoración do 50 aniversario da edición de Memorias dun neno labrego.
Ao acto inaugural acudiron algúns dos nosos profesores, como podedes ver na foto. Acompañaron a X. Neira Vilas, o autor do libro, quen tivo, como sempre palabras interesantes para todos.
Polo momento podemos quedarnos con algunhas das impresións que este libro deixou nalgún dos máis importan


“Neste libro está o proceso, a fuxidía autenticidade de ser alquitarada por unha alma que xa deixou atrás aquel eito do proceso, mais leva del a imborrable impronta”. Antón Alonso Ríos
“O ano 1961, en Buenos Aires, viu a luz un libro excepcional: Memorias dun neno labrego , de Xosé Neira Vilas. Trátase dunhas narracións cargadas de vida, de realismo, escritas dun xeito tremendamente nu e directo; unha clase de literatura fondamente galega que era moi necesaria entre nós”. Manuel María

“Igualmente, a literatura da segunda metade do século pasado non sería a mesma sen a publicación dunha obra, Memorias dun neno labrego (1961), que marca un antes e un despois no temario narrativo galego e que axudou a redimir tanta opresión, tanto esmagamento, tanto desprezo inflixido á aldea, aos desposuídos, aos labregos sen terra de seu, aos galego-falantes, en definitiva”. Pilar García Negro
“Grazas a Neira Vilas descubrín que tamén se podía escribir do que nós faciamos; que a aldea era materia para escribir”. Afonso Eiré
“ Memorias dun neno labrego é un gran relato. Unha narración auténtica. Comprendo moi ben o seu contido, pois de certa maneira é tamén a miña historia, dado que nacín e crieime nun ambiente compesiño. É unha narración moi valiosa para a nosa literatura tan falla de testemuños”. Celso Emilio Ferreiro
“Este libro atravesou diferentes fases de recepción: ao principio liámolo cunha perspectiva social, a oposición de pobres contra ricos, a defensa do mundo rural. Na miña última lectura descubrín vetas novas, pois Balbino aprende que as palabras sirven para nomear o mundo e contar a súa historia. Agora isto é para min o fundamental.” Agustín Fernández Paz

1 de out. de 2013

As Ferreiras no Consello da Cultura Galega.2

Comenzamos o curso e facémolo da mesma maneira que o rematamos: cunha alegría que nos vén dun dos portais do Consello da Cultura Galega, concretamente de poesiagalega.org, un espazo de referencia para a nosa poesía. Pois resulta que algo debimos facer ben, pois en poesiagalega.org recolleron  un traballo que no seu xa colgáramos aquí. Trátase da gravación sobre a poesía de Chus Pato realizada na Biblioteca do IES Ramón María Aller (Lalín) por Paula Gamallo e Ánxela Llinares, na altura estudantes de primeiro curso de bacharelato do IES Pintor Colmeiro (Silleda) e alumnas da profesora Gracia Santorum na materia de Lingua Galega e Literatura. Aparece ilustrada con fotografías da poeta de diversas procedencia e autoría.

1 de xul. de 2013

As Ferreiras no Consello da Cultura Galega

Moi grata foi a sorpresa que levamos ao ver mencionado o traballo que realizamos sobre a paisaxe lingüística de Silleda no portal do Consello da Cultura Galega. Máis concretamente a referencia que fan está nunha páxina que invitamos a que visitedes algunha vez, a correspondente ao Centro de Documentación Sociolingüística. Aquí acharedes noticias sobre o uso social da lingua así como unha gran variedade de recursos como son o kit para a normalización, un apartado para as novas, reportaxes e twits da lingua, ou unha recompilación de traballos mediante a ferramenta deilicious.