13 de nov de 2012

Ramón Verea estivo no noso centro

O pasado xoves 8 os grupos de 4º da ESO asistiron a unha conferencia arredor da figura de Ramón Verea, o galego que inventou no 1878 a primeira máquina de calcular que realizaba produtos e divisións directamente. Tivemos a sorte de contar coa persoa que máis sabe sobre Ramón Verea, o seu biógrafo, Olimpio Arca Caldas.
Esta conferencia era unha máis das actividades do 'III Día da Ciencia en Galego' , unha celebración que reivindica o uso da nosa lingua nas clases de tecnoloxía, física e matemáticas.

O primeiro que fixo Olimpio foi preguntar por Moalde. Claro que sabían onde quedaba esta parroquia de Silleda! Pois á beira hai outra da Estrada, Curantes. De alí era Ramón Verea, en concreto do lugar de Esmorís. Hoxe no adro da Igrexa de San Miguel hai unha escultura como a que nos trouxo o mestre Olimpio que lembra este veciño ilustre, Ramón Verea.
Houbo máis preguntas por parte do conferenciante. "Quen é do Barcelona?" Unha chea de mans erguidas, algunhas caras de disgusto. "Quen é do Real Madrid?" Os descontentos erguen orgullosamente as mans, os outros protestan. "Pois moi mal! Facedes moi mal! Todos vós tiñades que ser do Feminino de Silleda. Eu vivín un tempo en Barcelona e alí ninguén falaba do Deportivo nin do Celta. Estaban orgullosos do seu!"
Outra das ideas nas que máis insistiu D. Olimpio Arca foi en que nos roubaran a historia, "os galegos descoñecemos a nosa historia e así non nos pode ir ben". Contou  que en todas as escolas se fala do submarino de Isaac Peral que hoxe é o buque insignia de Cartaxena. Todos os libros de texto falan do autoxiro de Juan de la Cierva. Dá a impresión de que os galegos non somos quen de inventar nada. Non é así. O que pasa é que se nos escondeu a impresionante figura de Ramón Verea.
Así como os alumnos sabían de Lamela, tamén tiñan noticia de Bermés, parroquia do veciño concello de Lalín. Mais non sabían nada do matemático de Bermés, José Rodríguez, que estuda en París e realiza diversos traballos de carácter internacional pois fai traballos de medición do globo terrestre. A súa estela sería continuada por Domingo Fontán, o xeógrafo de Portas. É unha mágoa que estes científicos, tan importantes, nos resulten completamente descoñecidos.
Olimpio relatounos con paixón a vida do inventor: desde as súas aventuras na nenez, os estudos en Compostela, a súa marcha a Cuba. Falounos de Verea en Nova York. Amosounos os planos da calculadora, unha fotografía da mesma. Despois Verea estaría algún tempo en Guatemala e finalmente acabaría os seus días en Buenos Aires. Nacera no ano 1833 e morreu no 1899. O noso compromiso é non esquecelo e tomar exemplo del.
E que é o que podemos facer nós? En concreto, que foi o que lle aconsellou Olimpio Arca aos alumnos? Moi simple: "á vosa idade tedes que estudar, estudar moito". A pesar desta última petición recibiu unha chea de aplausos.

É de supoñer que moitos vos decataríades de que nas fotos desta entrada hai unha escultura ben grande. É obra de José Molares, un escultor de Vigo. Fixo esta obra para unha homenaxe que se lle adicara a Ramón Verea no concello da Estrada. Non vaiades pensar que está oca. Preguntádelle a Pedro Segade o que pesaba. Nesta foto sae sorrinte e suoroso despois do esforozo do traslado de Ramón Verea polo noso centro.

Para saber máis:
Olimpio Arca Caldas escribiu unha biografía de Ramón Verea que foi publicada polo Foro Enrique Peinador. Temos un exemplar desta biografía na biblioteca, donado por este Foro ao IES Colmeiro (cousa que lle agradecemos enormemente).
Pero se quixeras consultar esta biografía ten en conta que tamén está dispoñible en internet:
Ramón Verea. Inventor estradense


Nenhum comentário:

Postar um comentário