Blogue do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Pintor Colmeiro (Silleda)
26 de xuño de 2013
Afondando na poesía: Chus Pato II
Traballo de Ánxela LLinares e Paula Gamallo, de 1º de Bacharelato do IES Pintor Colmeiro.
25 de xuño de 2013
Visita de Carlos Vila Sexto
O xoves 6 de xuño visitou o noso centro este autor para falar co alumnado de 3º e de 4º de ESO dos seus libros Gárgola e As sete mortes. Disto e de moito máis, pois descubrimos con el un rapaz que amaba os videoxogos e os cómics, o cine e o xénero fantástico. E o que máis lle gustaba do mundo era xogar. Agora traballa na Televisión Española e é guionista de series tan famosas como “Los misterios de Laura”. Pero segue a escribir novelas! Agardamos lelo novamente, pois foi todo un éxito.
Máis nas estelas dos ronseis: Terror e Misterio
Máis nas estelas dos ronseis: Terror e Misterio
24 de xuño de 2013
Proxecto de calidade
Non o dicimos nós, é cousa da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Dos 826 centros que enviaron o seu proxecto de normalización ao organismo da Consellería de Educación, o noso está entre os 20 que obtiveron a máxima cualificación:
Os colexios e institutos que obtiveron a máxima puntuación pola calidade dos proxectos foron os seguintes: na provincia da Coruña, o IES de Arzúa, o IES David Buján de Cambre, o CPI A Picota de Mazaricos, o CPI Virxe da Cela de Monfero, o IES Maruxa Mallo de Ordes, o IES Félix Muriel de Rianxo e o CEIP de Aguiño de Ribeira; en Lugo, o IES Perdouro de Burela e o CPI Doutor Daniel Monje de Navia de Suarna; en Ourense, o IES San Mamede de Maceda, o CPI de Maside e o CEIP de Prácticas de Ourense; en Pontevedra, o IES Aquis Celenis de Caldas de Reis, o CEIP Espiñeira-Aldán e o IES de Rodeira de Cangas, o CEIP Mestre Valverde Mayo de Mos, o IES Val do Tea de Ponteareas, o CEIP de Parada Campañó de Pontevedra, o IES Pintor Colmeiro de Silleda e a Escola Superior de Arte Dramática de Vigo.O que é unha mágoa é que por este esforzo que realizamos no ENDL a achega económica fose, en comparación con cursos anteriores, considerablemente reducida. De ser cualificados coa máxima putuación hai uns anos, a aportación que recibiríamos para o desenvolvemente do proxecto sería de 2000 €. Coa importante redución que sufriron as partidas para a normalización lingüística, só tivemos 800 €.
23 de xuño de 2013
Encontros coa poesía: Antonio García Teijeiro
Antía e Nuria achegáronse á obra de Antonio García Teijeiro e mantiveron con el un diálogo escrito. Estas son as súas impresións:
Poder falar con este autor sen dúbida foi unha moi boa experiencia. Cambiou a nosa perspectiva de ver o mundo da Literatura. Ver como é capaz de expresar o que sente escribindo, dun xeito do que tod@s gostamos, con poesía, historias... Quedounos moita pena de non poder encontrarnos co poeta en persoa, e saber máis del. Pero estaba a traballar na súa Antoloxía, e agasallounos con parte do seu tempo contestando as nosas preguntas, polo que non temos máis ca agradecemento. Lemos moitos poemas del, e gustáronnos especialmente "Ventiño" e "Chove nos versos", e aínda que xa rematamos o traballo temos pensado buscar os seus libros e seguir léndoo. Facer traballos deste tipo parece que nos introducen máis no que é a escrita e ganas de ler.
22 de xuño de 2013
Paisaxe lingüística. Graffitis
Durante este traballo comprobamos que as pintadas e os graffitis non son significativos cando se trata de establecer a lingua predominante nos sinais visibles nos espazos públicos de Silleda. De todas formas, recollimos algúns e elaboramos este vídeo que nos quedou moi aparente. Tamén, como conclusión, fíxosenos evidente o emprego masivo do castelán en todo tipo de rotulación e anuncios comerciais. Se isto, ademais non se acompaña, como acabamos de ver, dunha aposta normalizadora clara das administracións, temos o campo preparado para a substitución lingüística. O galego está ameazado pola lingua dominante, que ademais ten todas as ventaxas lexislativas. Pensamos que debemos promover e colaborar cos empresarios e comerciantes de Silleda para trasladarlles esta realidade e a importancia fundamental da súa colaboración para a visibilización da lingua galega.
Con este traballo certificamos que o estado social da lingua galega no concello non é bo. Un síntoma é a súa paixase lingüística. Isto lévanos a pensar que os prexuízos cos que se carga ao uso do galego están profundamente enraizados no noso entorno máis próximo, pero decatármonos desta evidencia é tamén o primeiro paso para establecer un proxecto de futuro para a normalización. Para o pasado deixamos os prexuízos e os modos de proceder antigos e irreflexivos respecto do uso da lingua galega.
Paisaxe lingüística. Vaos permanentes.
Neste vídeo aparecen fotos de vaos permaentes nas entradas dos garaxes en Silleda. Forman parte do traballo da paisaxe lingüística de Silleda realizado polo alumnado do IES Pintor Colmeiro no curso 2012-2013 co fin de comprobar a realidade lingüística do entorno e da importancia da colaboración na súa normalización.
A maior sorpresa que tivemos ao comprobar os resultados foi o obtido ao facer o estudo da distribución das linguas nos sinais das administracións. Supoñíamos que o uso do galego se aproximaría ao 100%, pero non foi así.
Ao revisar os datos comprobamos que a maior parte dos sinais administrativos monolingües en castelán son os referidos aos vaos de aparcamento das entradas dos garaxes, polo que sería relativamente sinxelo comenzar ca cambiar a situación.
Neste traballo recollimos un total de 39 fotografías de vaos, que representan prácticamente o 60% do total dos sinais en castelán. Por iso farémoslle unha proposta ao Concello para que cambie este tipo de sinais e para que os que se coloquen de aquí en diante teñan garantizada a súa emisión en galego. De facerse así sería ademais unha aposta moi visible para os veciños de Silleda. Ademais con este traballo pretendemos abrir unha porta de colaboración coa entidade local para establecer proxectos normalizadores
21 de xuño de 2013
Paisaxe lingüística. Comercio
Neste vídeo aparecen moitas fotos de comercios de Silleda. Forman parte do traballo da paisaxe lingüística de Silleda realizado polo alumnado do IES Pintor Colmeiro no curso 2012-2013 co fin de comprobar a realidade lingüística do entorno e da importancia da colaboración na súa normalización.
Dos 602 sinais comerciais, 120 están en galego e máis do triplo, 384 en castelán. Outros 45 aparecen nas dúas linguas. Non fixemos ningunha análise sobre se hai predominancia dalgunha lingua nestes últimos sinais. En 25 sinais aparecen en inglés. Deles 12 son monolingües e no resto vén acompañada doutra(s) lingua(s). Temos tamén 30 fotos nos que tivemos problemas para etiquetar a lingua na que estaban redactados.
Chama a atención que estando asentados os comercios nun entorno galegófono os comercios respondan usando outra lingua que non é a ambiental. Esta gráfica pon en evidencia unha anormalidade que se non a percibimos como tal é por estaren moi asentados prexuízos que veñen de moi atrás.
Unha das consecuencias deste estudo é a evidencia da conveniencia de establecer acordos para unha planificación da normalización no entorno. Para iso puxémonos en contacto con ECOS (Asociación de empresarios e comerciantes de Silleda) e trasladámoslle os resultados deste estudo. Resulta que a asociación empresarial mantén o galego como lingua de comunicación social, tal e como fai tamén o Concello. Pola contra os resultados recollidos da paisaxe lingüística de Silleda ofrécennos un panorama completamente distinto, onde o castelán é a lingua hexemónica.
En moitos casos a cartelería dos comercios procede de marcas e axentes externos que emiten os seus sinais en castelán. Pensamos que compría que os comerciantes de Silleda reflexionasen sobre este feito para que a presenza do galego non se vexa aínda máis excluída polo que os invitamos a que as mensaxes de confección propia que emitan deberían facela en galego. Deste xeito compensaríase tan siquera cuns mínimos o percorrido paisaxístico polas rúas do noso entorno.
Aínda que o título desta epígrafe faga referencia ao comercio cómpre destacar que non só son responsables os comerciantes os responsables deste tipo de sinalización. Hai carteis como este que presentamos aquí, que puideron ser colocados por calquer cidadán. Isto sérvenos para insistir na necesidade de contar coa colaboración de todo o mundo para a normalización.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)