5 de maio de 2015

Ensalada de contos



CARAPUCHIÑA AZUL


Carapuchiña Azul. Así lle chamaban a unha fermosa rapaza. Tan fermosa coma perversa.
Tódolos días, atravesaba un piñeiral para ir onda súa avoa. Alí lle deixaba a merenda, sen mostrar cariño ningún.
Polo camiño, sempre se atopaba con un can, un bonito San Bernardo moi bo e alegre que se alimentaba coa comida que lle botaban os cazadores. Pero Carapuchiña non deixaba ningún día de lanzarlle pedras ó pobre do animal, e, a pesar de iso, o can se acercaba a ela tódolos días en busca dalgún cariño daquela fermosa rapaza.
Un día xurdiu unha macabra idea na malvada mente da nena…
Ao día seguinte, cando cruzara o bosque para ir á casa da súa avoa, colocaría unha trampa de ratos no medio do camiño, o can acercaríase a ela e… ¡ZAS! A trampa pillaríalle unha pata.
E así foi. O can, ao ver a Carapuchiña, acercouse a ela como todos os días, movendo alegremente o rabo.
Carapuchiña ollaba cara a el, cun sorriso malvado nos beizos e, como estaba previsto, o pobre do can pillou unha pata na trampa dos ratos.
O can laiou da dor que tiña un bo anaco, e a nena morría da risa que lle provocaba a dor do can.
-          Qué tonto es, can de palleiro! jajaja! Move o rabo agora se te atreves!- Berraba Carapuchiña.
Pedro, un rapaz pastor de ovellas que andaba por alí, escoitou e viu todo e correu cara ao lugar onde estaba o can.
-          Pero ti estás tonta, ou qué? Mira o que lle fixeches a este pobre animaliño!
Pedro, que era moi mañoso, liberou ao can e marchou con el e díxolle a Carapuchiña:
-          Debería darche vergoña o que fixeches!
Carapuchiña, que esperaba sentirse moi feliz despois da súa falcatruada, sentíase moi mal e moi avergoñada.
Pedro parecíalle moi guapo e as súas palabras case lle doeron máis que a ferida ao San Bernardo.
Aquela noite, Carapuchiña non puido durmir. Chorou e chorou ata que esgotou as bágoas.
Ao día seguinte, Carapuchiña saíu moi cedo da súa casa en busca de Pedro.
Atopouno cando estaba coas súas ovellas e desculpouse sinceramente.
Pedro perdoou a Carapuchiña e, cun asubío, chamou ao can que se acercou a el coxeando. Pero cando viu á nena, meteu o rabo entre as pernas e quería fuxir a fume de carozo. Pedro agarimouno e parecía tranquilizarse.
Estaba morto de medo. A Carapuchiña íalle custar moito conseguir o perdón do animaliño que tanto mancara, pero, ao final, conseguiuno.

 David Varela Vázquez.
1ºC


A CIGARRA E A FORMIGA




            A cigarra era moi afortunada, menudo verán se pegara! Pasaba todo o día cantando e todos a escoitaban. Pero, a formiga, mentres a cigarra se divertía e cantaba, traballaba sen descanso para que, no inverno, non lle faltase que comer.

            Pouco a pouco foi chegando o frío do inverno e a cigarra viu que non reunira provisións. Pensou que igual lle podía pedir algunhas á formiga, así que foi ó formigueiro e tocou a porta:

-          Ola, señora Formiga, non teño que comer; por favor, poderíasme dar un pouco das túas provisións? Senón, vou morrer de fame!_ dixo a cigarra.

-          Se traballases máis agora non me terías que vir pedindo provisións a min, a próxima vez  traballa_ e a formiga pechoulle a porta na cara, sen darlle nada.

A cigarra tiña moita fame, entón púxose a pedir na rúa e os demais bichos non lle daban nada, só aplaudían. A formiga, mentres tanto, dende unha ventá bastante alta do formigueiro, ríase dela e comía un anaco de pan para darlle envexa. Entón, foi a cigarra, que era moi astuta, e díxolle:

-          Oíches, es unha formiga preciosa; non existe outra máis fermosa ca ti!

A formiga sentiuse eloxiada.

-          Pero eu pregúntome, _ proseguiu a cigarra_ é tan fermoso a túa voz? Ou só es unha cara bonita?_ picouna a cigarra.

-          Claro que si que é fermosa! Aínda máis que a túa!_ a formiga berrou tan alto que o anaco de pan que tiña na boca caeu xusto onda a cigarra.

-          Mira quen se rí agora! Eu!_ a cigarra colleu o anaco de pan e comeuno.

Pero non se deu conta de que aínda quedaba moito inverno por diante e que non tiña nada que comer. Entón, chegou a raíña das formigas e berroulle á Señora Formiga por non estar traballando.

-          Perdoa se te molestou esta formiga, está feita unha vaga! Para pedirche perdón vouche dar provisións, chegaranche para todo o inverno e non pasarás fame_ dixo a raíña Formiga.

-          Moitas grazas, pero non o merezo_ contestoulle a cigarra.

-          Claro que si, es ti a que me divirtes no verán_ chiscoulle un ollo.




E así a cigarra non pasou fame en todo o inverno.


Eva Vázquez Montero 1ºC




 OS TRES PORQUIÑOS E A CARAPUCHIÑA VERMELLA


       
Un día os tres porquiños estaban facendo o xantar cando escoitaron un ruído. O porquiño máis pequeño estirouse, mirou pola xanela e viu como os oito ananiños lle roubaban as leitugas da horta.

        Os tres porquiños saíron a fume de carozo a espantalos; e os ananiños marcharon correndo ata a súa casa. Eles decidiron seguilos para recuperar parte da súa horta.

        Cando xa levaban un tempo andando encontraron a Carapuchiña Vermella, e contáronlle o sucedido. Ela, como era moi amiga dos ananiños, foilles axudar.

        Ao chegar pedíronlle amablemente a Brancaneves e aos ananiños que lles devolveran as leitugas; pero como se negaron, a Carapuchiña ocorréuselle un plan…

        Ese plan misterioso, que ninguén sabía, fixo que os tres porquiños recuperaran as súas leitugas.



LARA SILVA MUIÑOS 1ºC




Problemas matemáticos de Lewis Carrol.1

Alicia no país das marabillas cumpriu 150 anos. No instituto aproveitouse a ocasión para facer varias actividades arredor do libro e da figura do seu autor, Charles Lutwidge Dodgson, ou, para quen o prefira,  Lewis Carroll. A última hora min tocoume tamén o tema, desde o reducido punto de vista das matemáticas, claro.
Cóntase que á raíña Vitoria lle gustou moito libro de Alicia, editado no ano 1865 así que lle escribiu ao autor, que era profesor de matemáticas en Oxford, reclamándolle que desde aquela data lle enviara todos os seus libros. Charles Dodgson obedeceu escrupulosamente a petición. Tan pronto como se publicou o seu novo libro no ano 1867, o primeiro que fixo foi enviarllo á raíña. Tratábase do Teoría elemental de determinantes. Parece que non hai constancia dunha nova felicitación real.

Para comenzar, un pequeno e sinxelo problema que Lewis Carroll lle enviou por carta a unha das súas pequenas amigas. Trátase de debuxar a seguinte figura se levantar o lapis do papel:
Velaquí outro moi sinxelo, e que creo que vin por primeira vez referenciado nun libro de Martin Gardner. Temos unha finca cadrada. Nunha esquina está situada unha casa, tamén cadrada. O resto é un xardín. Trátase de dividir o xardín en catro partes iguais.
O terceiro problema é o que ten algo máis de dificultade. Non foi creado por, pero que ten moito que ver con el e co libro de Alicia no país das marabillas. É obra de Sam Loyd, un norteamericano que viviu durante a segunda metade do século XIX, autor de moitos crebacabezas matemáticos. Outra vez debemos facer referencia a Martin Gardner, que foi quen máis fixo por divulgar e reivindicar a obra de Loyd.
Unha das aportacións de Sam Loy máis coñecidas é precisamente o que fai referencia ao libro de L. Carroll. Nunha das aventuras Alicia encóntrase co gato de Cheshire. Sobre este relato Loyd constrúe este palíndromo que multiplica creando un cadrado realmente fantástico:

A pregunta é: cantos camiños podemos percorrer seguindo a frase: Was it a cat I saw?
Para unha primeira aproximación ao problema podes probar a pintar algúns camiños sobre o seguinte esquema:
Cada vez que se me presenta un palíndromo venme á cabeza un poético e fermoso libro de Gonzalo Navaza. O seu título revela ben o seu interior: A torre da derrotA. Trátase dun libro que contén poemas feitos con versos palindrómicos, e incluso poemas palindrómicos. Un dos versos, Luz azuL, pode ser un bo entrenamento para o estudo do problema que nos propuxo Sam Loyd:
O libro de Navaza, visto desde este novo punto de vista, estaría cheo de retos:
 O sono é o nosO
Ouso pisar o mar, amor, así posúO
Velaí que nunca sobre a seguinte recomendación:  Ame o pobo o bo poemA

27 de abr. de 2015

Encarna Otero falounos de Castelao


A profesora Encarna Otero visitou o pasado día 23 de abril o noso centro para achegarnos á figura de Castelao. Tratou moi especialmente o tema das mullleres na súa obra.

Laura Presas e Patricia Lázara fixéronlle unha entrevistas. Non tardaredes en ter máis información neste mesmo blogue.

22 de abr. de 2015

Panel informativo sobre a paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda

Colocamos á entrada do centro un informativo do Proxecto Antonio Fraguas. Nel explícase mediante un exemplo, que é o que podemos atopar no mapa toponímico elaborado durante este curso. Así, ofrécese un exemplo dun topónimo dun lugar, un hidrotopónimo, outro referido a un penedo, o nome dunha veiga, o dun camiño, e finalmente o das mámoas, castros e petróglifos. Tamén se fai referencia á existencia de vídeos elaborados expresamente para a explicación dalgúns destes topónimos.


8 de abr. de 2015

Centro do Concello de Silleda



Nesta curta, Denise Varela, Sonia Troitiño e Carlos Mato(2º bacharelato) tratamos de explicar o que é o centroide dun polígono e cómo calculamos o do noso concello de Silleda. Podedes votala no concurso Explícoche matemáticas 2.0

Trátase de resolver o problema de atopar o punto central dunha rexión plana de fronteira irregular como a do Concello de Silleda. O caso dos polígonos regulares ou dos rectángulos é ben simple pero a pouco que se complique o polígono increméntase moito a dificultade do problema. O centroide debe poder determinarse a partir das coordenadas dos vértices do polígono. Nós aproximamos a fronteira de Silleda mediante un polígono de 597 lados. Sobre este polígono calculamos o centroide sobre un sistema cartesiano  Para obter as coordenadas xeográficas considramos o centroide como punto de corte de dous segmentos.


Velaí que o punto central do concello de Silleda é unha veiga chamada Pena Vidal, no lugal de Bustelo, na parroquia de Escuadro, apenas a 2700 m do noso centro. Neste mapa pódese ver a súa localización exacta. A quen lle temos que agradecer esta determinación é ao profesor e compañeiro Xoán Carlos Porral, sen o seu coñecemento da topografía silledense seríanos imposible chegar a ela.


1 de abr. de 2015

Unha alumna de portada

Ana Colmeiro Corral, alumna de 1º de bacharelato do noso centro, é a protagonista da portada do boletín de Kalandraka. Parabéns!