7 de nov. de 2012

Conferencia sobre Ramón Verea

Este xoves dia 8 pola tarde visitaranos Olimpio Arca Caldas autor do máis completo estudo sobre o inventor da calculadora Ramón Verea.
Poderán asistir á súa conferencia os alumnos de 4ºA (a 7ª hora) e 4º B (a 8ª hora)

 Olimpio Arca escribiu unha biografía de Ramón Verea que se pode consultar na rede. Leva o título Ramón Verea. Inventor estradense. O libro foi editado por galeguizargalicia.com.  Invitamos a todos a que lle botedes un ollo. Asegurámosvos que a lectura non é nada complicada e permitiranos achegarnos a unha figura próxima na xeografía e que desafortunadamente é moi descoñecida a pesar de figurar na historia do desenvolvemento tecnolóxico nun lugar ben importante. Ramón Verea é o autor dun mecanismo que permitía realizar multiplicacións e divisións sen ter que facer referencia a sumas continuadas.

No libro de Olimpio Arca podemos ler unha biografía de Ramón Verea, unha liña de tempo cos principais fitos na vida do personaxe. Tamén hai un estudo centrado no traballo periodístico e como escritor de Ramón Verea, un artigo sobre a súa faceta de inventor e incluso podemos consultar a descrición da patente da máquina de calcular inventada por este estradense que pasou a maior parte da súa vida en Nova York.
Continuaremos a darlle voltas á figura de Ramón Verea.

5 de nov. de 2012

Ciencia e tecnoloxía en galego

As tres universidades galegas realizaran unha campaña, 'En galego tamén se fai ciencia' para reivindicar o uso do galego na ciencia e na tecnoloxía. Foi outra medida de reacción contra o decreto de plurilingüismo que pretende excluir o galego destes ámbitos.

En galego tamén se fai ciencia from En galego tamén se fai ciencia on Vimeo.

30 de out. de 2012

Videoconferencia: "Facendo física de partículas polo mundo"

O vindeiro martes 6 de novembro de 12:30 a 13:30 asistiremos a unha videoconferencia, "Facendo física de partículas polo mundo". Está organizada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, con motivo da celebración do III Día da Ciencia en Galego


Quen vai asistir á conferencia:
Os grupos de 4ºA, 4ºB, 4ºC, 1º Bacharelato A e 1º Bacharelato B.
A videoconferencia poderémola ver desde as aulas de audiovisuais.

Contido da conferencia:
Os experimentos do acelerador de partículas no CERN levan máis de dous anos de toma de datos. Neste período producíronse resultados científicos de grande interese. A descuberta dunha resonancia que podería ser o bosón de Higgs, que foi noticia de primeira páxina en todos os informtivos do mundo, a pescuda de partículas supersimétricas, os resultados na busca do plasma de quarks e gluons, o estado da materia do universo primitivo, son só algúns dos fitos acadados. Neste proxecto internacional traballan físicos galegos que colaboran con colegas de todo o mundo nun contexto multilingüe. Moitos deles utilizan o noso idioma para realizar parte do seu traballo, tanto no contexto informal de discusións entre eles, como para a realización de traballos científicos (teses e teses de mestrado) así como na docencia e a divulgación científica.
Quen vai impartir a conferencia
  •  Patricia Conde. Investigadora no LIP de Lisboa. Física do experimento ATLAS do CERN.   
  • Olaia Castro. Profesora no City University en Londres. Investiga en Teoría Cuántica de Campos. 
  • Abraham Gallas. Investigador no CERN e na USC. Físico do experimento LHCb do CERN.
  • Carlos Salgado. Investigador no CERN e na USC. Investiga o estado da materia nos primeiros instantes do Universo.
  • Cibrán Santamarina. Profesor da USC. Traballa no experimento LHC do CERN.
Nove científicos galegos que traballan no CERN asinaran un manifesto en defensa da lingua galega, reivindicando o seu uso en ámbitos do que moitos a queren excluir. Cómpre lembrar que o decreto que regula o uso das linguas no ensino non universitario sustántase na exclusión do galego das áreas científicas. Éste foi o detonante da posta en marcha da celebración dun día reivindacando a ciencia en galego.

Onde obter máis información
A CGENDL ofrécenos desde esta páxina materiais para seguirmos como un vídeo dunha conferencia celebrada hai dous anos ou un cómic explicando cales son as partículas fundamentais.

24 de out. de 2012

Volcán científico

No noso centro imos celebrar o III Día da Ciencia en Galego coa emisión volcánica dun documental de gran calidade subtitulado en galego grazas ao labor do realizado polo IES Aquis Celenis de Caldas. Eles mesmos realizaron esta actividade hai dous anos con grande éxito.
Con este acto queremos poñer de manifesto o complicado que é acceder a traballos de divulgación científica en galego. Nós poderemos facelo nesta ocasión, non porque conseguíramos un mínimo estatus de normalización da lingua galega na sociedade, senón polo traballo desinteresado duns compañeiros.
En segundo lugar, gostaríanos que vos interesárades polos temas que se desenvolven no documental e que continuedes profundizando no coñecemento do mundo que nos rodea.
As proxeccións desenvolverase o vindeiro luns 5 de novembro tal e como se indica no seguinte horario:
 
1ºA a 6ª hora. Profesora: Fe
1ºB a 2ª hora Profesora: Fe
2ºA: a 3ª hora.Profesora: Mónica Souto
2ºB: a 3ª hora. Profesora: Maru
3ºA a 2ª hora . Profesor: Bernardo
3ºB a 3ª hora. Profesor: Xosé Rodríguez

Serán 6 horas de ciencia en galego.  Algúns  privilexiados xa viron parte do documental. Preguntádelle se lles gustou!

23 de out. de 2012

Anuncio do III Día da Ciencia en Galego


A reivindicación do uso do galego nas actividades científicas e singularmente no seu ensino, co fin principal de denunciar un funesto decreto de plurilingüismo que pretende excluir o galego deste ámbito, é o eixo fundamental da celebración do Dia da Ciencia en Galego.
Para seguir as actividades arredor desta convocatoria:

  • Proposta de actividades de APETEGA (Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia)
  • Conferencia vía web organizada pola CGENDL para o 6 de novembro na que destacados investigadores galegos da Universidade de Santiago de Compostela achegarán temáticas de interese curricular para o noso alumnado e os proxectos científicos que desenvolven na actualidade. Podedes apuntarvos; toda a información na ligazón.
  • Portal do III Día da Ciencia en galego

19 de out. de 2012

Cultigal Forte. O ENDL nun libro de texto

Na páxina 25 do libro de Lingua Galega de 1º da ESO recuperaron esta idea do noso ENDL do ano 2009.
Este prospecto utilizáramolo no Día das Letras dese ano, e así nolo explicaban no Trafegando


[cultigal.jpg]

 A medicina foi presentada nunha caixa creada para a ocasión. Velaquí está:
 
 
Para redondear o conto, e tendo en conta que esta medicina está no catálogo das que se poden prescribir a todos, grandes e pequenos, sen contraindicación ningunha, compría termos un modelo para receitar co Cultigal Forte: