28 de out. de 2014

Baixa a porcentaxe de galegofalantes en Silleda

O Instituto Galego de Estatística (IGE) publicou novos datos sobre o coñecemento (entender e falar) e uso do galego. Distintos medios debullaron os datos e observaron que houbo un descenso do uso do galego nun 13% entre os anos 2001 e 2011. Paradóxicamente os datos foron anunciados como moi positivos desde a Consellería de Educación celebrando que aumenten os que declaran falar nas dúas linguas.
Os novos datos do IGE non revelan moitas novidades con respecto ao xa coñecido sobre usos da lingua galega. A enquisa reducíase a tres preguntas:
  • Cal é o seu coñecemento do galego? (Enténdeo, Fálao, Leo , Escríbeo)
  •  Cando usa o galego? ( Sempre,Nunca, Ás veces )
  •  Onde o usa? (pode marcar varias opcións) (En familia, Na escola, No traballo) 
A polémica xurde da resposta á segunda pregunta, a do uso do galego. A nota da  Consellería destaca que "aumenta o uso das persoas que se desenvolven habitualmente nas dúas linguas". Significa iso que hai máis xente que habitualmente fala en galego? Sería moi chocante que isto fose así pois outras enquisas moito máis completas, tanto do propio IGE como do Mapa Sociolingüístico de Galicia, revelan que a tendencia ao uso do galego é decrecente. Comentábase, por exemplo, que esta situación podía resumirse diciendo que cada hora o galego perde 3 falantes.
Para comparar os datos ofrecidos estas semanas polo IGE con outra enquisa das mesmas característica temos que remitirnos a outra dese mesmo organismo do ano 2001. Quen elaborou unha excelente comparativa entre os datos obtidos no 2001 e os que se acaban de publicar do 2011 foi Carlos Neira, tanto en varias táboas, como en mapas como o seguinte:
.
Mapas de uso do galego 2001-2011

Moi acertadamente este analista indicaba que os que declaran falar en galego "ás veces" non están dicindo que falan un 50% de galego, polo que o anuncio da Consellería carece do máis elemental, o rigor científico, e está cargado, pola contra de manipulación informativa partidista.

Datos de Silleda
Concretando no caso de Silleda, a consulta dos números que nos ofrece o IGE ofrece unha redución dun 15,38% entre os anos 2001-2011 na poboación do concello que responde que sempre usa o galego. Estes datos son bastante coherentes cos resultados do estudo sociolingüístico que realizamos no centro o curso pasado, un documento, no que por certo, facíamos referencia aos resultados do IGE do 2001.
Para completar eses datos fixemos unha comparativa entre o uso da lingua falada en Galicia, na zona nororiental de pontevedra, a lingua de uso dos pais segundo os alumnos do centro e a lingua do propio alumno. Nestes dous últimos grupos a suma de "sempre en galego" e "máis galego ca castelán" dábanos resultados dun 75,29% e 75,86%. Isto lévanos a reafirmarnos en que a resposta á enquisa do IGE como falantes "sempre" de galego non significa monolingüismo en exclusiva, senón que recolle tamén unha boa parte de falantes maioritarios de galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario