21 de jan de 2013

Falando de lendas


Este venres pasado o profesor Xoán Carlos García Porral ofreceunos unha charla sobre o patrimonio inmaterial das lendas. Pronto ampliaremos a nova, pero polo momento recollemos unha entrevista que lle fixeran no Faro de Vigo hai pouco máis de dous anos cando presentou un libro sobre este tema.

A finais deste mes, Lalín acollerá a presentación do libro Lendas castrexas, escrito por Xoán Carlos García Porral e no que se ofrece unha continuidade das historias recollidas por Antonio Presas, que prologa o volume. A publicación, estruturada por parroquias, preséntalle ao lector unha completísima antoloxía de todas os contos vinculadas aos castros do concello.
 –A maioría das lendas están protagonizadas polos mouros que viven nos castros ou os constrúen, e que custodian un tesouro. Por que abondan máis estas historias que, por exemplo, as vinculadas aos santos? 
 –Porque os mouros aparecen como seres estranos, exóticos, e que negocian cos humanos. Noutros lugares chámanlle “facciosos”, e posiblemente estas lendas estén vinculadas á invasión musulmana. No fondo, este tipo de historias teñen un fondo moralizante, como as fábulas que nos contaban cando éramos nenos, e ata se poden comparar coa mitoloxía grega. Así que, grazas a elas, nós temos os nosos propios heroes
 –Así é, porque o da trabe de ouro e a trabe de alcatrán non é outra cousa que un símbolo do ben e do mal... 
 –Pois si. Nunca soubemos de ninguén que se adentrase nun castro e se fixese rico grazas á trabe de ouro, e tampouco ninguén ousou descubrir a trabe de alcatrán, porque morrería queimado.
 –Vostede estrutura o libro por parroquias, e en 35 das 48 do concello hai lendas castrexas. 
–E incluso nalgunhas, aínda que non haxa castros, hai historias, porque quizais noutro tempo si tiveron estes restos. O malo é que, aínda que os castros en Lalín están ben protexidos, as lendas non o están tanto. Antes transmitíanse oralmente, sobre todo de avós a netos, pero agora os nenos prefiren ver Bob Esponja (risas). Ademais de que se está perdendo esta transmisión pola morte da xente maior, as concentracións parcelarias tamén agreden moito a este patrimonio inmaterial. Por exemplo, unha finca que antes se chamase “Agra da Pena”, coa parcelaria pasará a ter un número de parcela e outro de polígono. Tamén é certo que os castros aínda se asocian, nalgúns casos, como algo negativo, porque non se pode actuar nun contorno de 200 metros. Sei dun caso en Rodeiro no que os donos dunha finca cun castro non puideron cobrar o aluguer dun aeroxenerador, porque non se puido instalar nel, e moi mal lles pareceu.
 –No libro fala do rito da “Fonte dos Meniños”, que servía para curar os nenos doentes de enganido. Este rito emprega frases vinculadas ao Cristianismo. Podemos dicir que moitos costumes castrexos foron asumidos pola relixión?  
–Sen dúbida. Nas lendas castrexas hai referencias a Santiago Matamouros, pero non por ser apóstolo senón por atacar a eses seres que definimos como exóticos. Tamén é frecuente que as festas de San Xoán, como as de Castrolandín (Cuntis) se fagan en entornos castrexos, pero é que esta festa ten orixe pagá. E moitos castros serviron para que enriba se construise unha igrexa ou se colocase un cruceiro, como símbolo da colonización relixiosa deses cultos naturais.

Nenhum comentário:

Postar um comentário